18 de junho de 2007
Choven pedras en Trasancos: Despega o Satélite Gorevisión...
o capitán
(Extracto do Caderno de Bitácora do Capitán Harvey)
"Eu vin cousas que vos non creriades.
Actuar a Juan Pardo durante mais de dez anos na TVG.
Teño visto“Pratos Combinados” durante catro horas seguidas,
mentres as emisións musicais vía satélite no bar do Club de Campo
descubríanme todo o que nos estabamos a perder.
Ninguén parecía poder facer nada para remedialo. Pero non...
Todos eses momentos perderanse, coma bagoas na choiva...
Si compañeiros, rematou a espera (...)
Xa estou en órbita. Meu sacrificio non será en vano.
E hora de que chegue... Gorevisión, a nosa diversión!!!!"


O ano 93 foi o da resaca da modernidade na España socialista. Un tempo en que a Galiza vivía ancorada no atraso que suporía o triplo lustro dinosáurico do fraguismo. No ano en que nos venderon fume cunha chuvia de millóns para fomentar e anunciar un acontecemento de raizame relixiosa que tería que facer posíbel o despegue dun país de futuro que aínda hoxe, catorce anos despois, non consegue coller o voo. Un territorio sen infraestruturas axeitadas viviu un espellismo que, visto desde a perspectiva da súa bisbarra máis afastada, Trasancos, encheu de frustración e xenreira a toda unha xeración de fillos e netos de traballadores do naval que seguían a ver ao lonxe o futuro, a cultura e o emprego.

Foron anos de emigracións e vidas subvencionadas que só conseguiron facer xermolar un sentimento de autosuficiencia e de supervivencia que tería como resultado o nacemento dunha “movida cultural” creada na independencia e con escaso reflexo na historia “oficial” da cultura galega contemporánea. Unha morea de rapazas e mozos orfos de referentes e con sensación de abandono polo mundo decidiron tomar cartas no asunto e desenrolar pola súa conta as armas precisas para dar saída ás súas inquedanzas e gostos, principalmente no musical. Cada un no seu, comezaron a traballar en silencio nun proxecto insólito que moitos pensaron irrealizable, pola súas fantásticas e aloucadas pretensións, a fabricación dun satélite artificial que sería posto en órbita por medio dun complicado sistema de despegue realizado con pezas de tecnoloxía americana roubada dos almacéns de ferralla de Bazan.

Como daquela, a internet non estaba moi estendida entre as familias de baixo poder adquisitivo, tiveron que despregar toda a súa imaxinación e a de outras mentes preclaras como Jules Verne, Javier Aguirre ou HG Wells para materializar os seus soños e construír o que, co tempo, sería o mítico satélite Gorevisión. Unha vez rematada esa primeira fase do seu plan e despois de gastar os soldos de varios meses en habilitar Basesanxoan (San Xoán de Filgueira, Ferrol), buscaron o apoio dunha pequena canle de tv local que daquela navegaban nas revoltas augas da alegalidade. Unha emisora chamada Canal 4 situada no veciño Concello de Narón acolleu a proposta de xeito positivo, a seguro que non eran capaces de imaxinar o que aqueles tolos farían. A maquinaria funcionaba a pleno rendemento. O mundo vivía alleo a todas estas manobras. Bombas sobre Iraq, Mans Limpas nas institucións italianas, primeiro atentado no World Trade Center, a polvoreira dos Balcáns, tanques nas rúas de Moscova, o tratado de Maastricht, Clinton na Casa Branca... nada importaba para os nosos heroes... salvo Gorevisión TV...
 
proposto por Gorevision TV ás 21:58 | Permalink | 2 comentarios